AGASOL Logo
Presentacion

Quobis Networks, socia de Agasol, gañadora nos premios da revista Red Seguridad polo seu produto de autenticación de chamadas

  • Quobis foi unha das galardoadas nos premios que concede anualmente a revista Red Seguridad, co premio ao «Mellor produto ou sistema de seguridade TIC».

O produto premiado é unha ferramenta chamada IdentityCall, e que Quobis ideou para garantir a identidade dos interlocutores, co que se simplifican os procesos actuais de identificación telefónica e se permite aplicar os sistemas de voz a situacións que requirían encontros presenciais, segundo se explica na web da emperesa.

Máis de 70 candidatos optaban a este premio, co que se distinguiu á empresa galega. IdentityCall permite crear diferentes entornos de comunicacións seguras. Esa seguridade vén achegada pola encripación da comunicación. Con esta ferramenta permítese a autenticación a través do uso do DNI electrónico ou o certificado dixital do interlocutor. Ademais, este produto tamén permite gravar as comunicacións ou integralas cos sistemas de telefonía dos que dispoña a empresa. Por estas razóns, a ferramenta ideada por Quobis faise moi importante para o seu uso en xestións nos que é especialmente importante a confidencialidade e a seguridade dos datos que se transmiten.

A EMPRESA GALEGA TEGNIX FORMA EN SOFTWARE LIBRE AOS TÉCNICOS DO CONCELLO DE ZARAGOZA

  • Trátase do curso de LPI certificación nivel 1 de administradores profesionais de Linux.
  • Coa certificación LPI acredítase a capacitación dos profesionais das TIC no uso do sistema operativo Linux e as ferramentas asociadas a este sistema.

Os técnicos do departamento de Asistencia ao usuario final do Concello de Zaragoza recibirán formación en software libre da man empresa galega Tegnix, socia de AGASOL.

O software libre galego, máis aló da súa propia aplicación en sectores públicos e privados no noso territorio, está sendo tamén unha ferramenta de coñecemento noutras zonas, a través de empresas galegas que realizan os seus produtos en código aberto.

Estes días, no Concello de Zaragoza, estase impartindo un curso intensivo de LPI Certificación nivel 1 (administradores Linux) dirixido aos técnicos municipais, e que ten por obxectivo final mellorar o servizo interno de soporte aos usuarios do concello, ao tempo que os cualificará para obter a certificación LPIC-1.

LPI son as siglas de “Linux Professional Institute”, unha organización sen ánimo de lucro que se dedica á certificación de profesionais de Linux.

O curso está sendo impartido na modalidade de teleformación, empregando formación a distancia con titorías cun dos profesores da empresa Tegnix. A materia desenvólvese durante dous meses, xa que conta cun total de 80 horas online a través da plataforma Moodle de Tegnix. Para o desenvolvemento das sesións usaranse trinta vídeos, duascentas transparencias e cen exercizos prácticos que permitirán ao docente emitir informes semanais sobre o seguimento contínuo do alumnado.

A empresa Tegnix, é unha das entidades autorizadas pola LPI Foundation para impartir esta formación en sistemas de código aberto.

Oferta de cursos de Android do Centro de Referencia de Formación -CRF- de Asolif

  • O prazo de inscrición, que pode realizarse a través da empresa Tegnix, membro de AGASOL, remata o 18 de febreiro. Ofrécense 50 prazas.
  • As persoas que se inscriban a través de Tegnix beneficiaranse de descontos no prezo dos cursos.

Centro de Referencia de Formación de ASOLIF -a Federación Nacional de Asociacións de Empresas de Software Libre- vén de publicar, a súa oferta de cursos Android, que se impartirán en modalidade e-learning “de profesional a profesional”.

Nos últimos anos, o sistema operativo Android aplicado a dispositivos móbiles e tarxetas experimentou un importante apoxeo de vendas a nivel mundial. A día de hoxe, os terminais Android representan máis do 52% do mercado dos smartphones, polo que a formación neste eido resulta hoxe unha ferramenta imprescindible.

O mercado de aplicacións de Android sitúa na actualidade o seu volume de descargas por riba da cifra dos 10 millóns, e o número de aplicacións no Market de Android medra cada día. Esta tendencia crea a necesidade dunha formación experta e profesional que ofreza os coñecementos axeitados para acadar o éxito nun mercado altamente competitivo pero cun enorme potencial económico.

Por iso, o CRF de Asolif propón os cursos Android Esencial e Android Profesional, e poden ser subvencionados a través da Fundación Tripartita, que se encarga gratuitamente da súa xestión. O límite de prazas está establecido en 50, nas que é preciso inscribirse antes do 18 de febreiro.

Os prezos dos cursos están fixados en 600€ para o curso Android Esencial e 700€ para o “Android Profesional”, aínda que as persoas que estean interesadas en inscribirse e o fagan a través da empresa galega Tegnix, membro de AGASOL, beneficiaranse dun desconto de 50€ en ambas modalidades.

A organización tamén contemplou a impartición do curso Android Combo, que aglutina Esencial e Profesional, e que ten un prezo de 1.190€. Neste caso as persoas que se inscriban a través de Tegnix pagarán unicamente 1.090€ e recibirán ademais unha tablet Android completamente gratis.

Máis información e inscricións no email formacion@tegnix.com, e na seguinte ficha detallada do contido dos cursos.

Alejandro Escobar (de Aitire) é o novo presidente de Agasol

  • Agasol renovou a súa directiva nunha asamblea ordinaria celebrada en Santiago de Compostela. O novo presidente, Alejandro Escobar -da empresa Aitire- recolle o testigo de Jorge Vázquez – Redegal- renovando tamén ilusións e achegando novos proxectos para esta nova etapa.

Asamblea de relevo na directiva de Agasol que, non obstante, supón unha continuidade na actividade da asociación en canto a relevo nos proxectos xa iniciados ata o momento. A Asociación de empresas galegas de software libre convocou onte aos seus vinte e nove socios para realizar este trámite e tamén poñer en común a situación actual da asociación.

Un dos puntos principais foi a presentación da memoria de actividades deste ano, así como o balance que en termos de negocio resultou extraordinariamente positivo. Non en van, como xa adiantara Agasol nun comunicado de prensa a comezos deste mes, a asociación que traballa a prol das empresas galegas de código aberto triplicou a súa facturación durante o 2011 con respecto ao exercizo anterior.

Alejandro Escobar, da empresa Aitire, seguirá acompañado na directiva de AGASOL por Xavier Castaño -Igalia-; Mª Xosé Fernández -Dimensiona-; Xaime Garaboa -Signo-; e Francisco González -Péxego-, aos que se une Antón Román de Quobis.

Aumenta nun 300% a contratación de software libre en Galicia a través de AGASOL

  • AGASOL, a Asociación de empresas galegas de software libre triplicou o seu volume de negocio neste último ano.

O crecente incremento da demanda de servizos de software libre en Galicia é xa unha tendencia que está a marcar o proceso de evolución das TIC en todos os seus ámbitos.

 A Asociación de empresas galegas de software libre -AGASOL-, que aglutina a vinte e nove das empresas galegas que traballan con sistemas de código aberto, multiplicou por tres este ano o seu volume de negocio. Segundo o seu xerente, Luis Alberto Fernández, este incremento explícase “debido a que cada vez máis as empresas, as administracións e os distintos actores sociais escollen traballar con programas informáticos libres, que poden ser mellorados e adaptados ás necesidades, ao tempo que adoitan ser gratuítos, e por tanto supoñen un importante aforro económico”.

AGASOL é unha entidade especializada na captación de oportunidades para as empresas de software libre fronte ao software privativo. Neste ano 2011, as empresas desenvolvedoras de software libre melloraron notablemente a súa capacidade de actuación, en parte pola boa resposta que se está obtendo de empresas e particulares que escollen a opción de non ten que pagar polas licenzas do software privativo.

A elección de usar software libre no canto de software propietario concede unha total independencia para escoller proveedor, ofrecendo total liberdade de uso e escapando dos monopolios. Coa aplicación de software libre, o empresariado galego optimizará a súa xestión, aforrando o importante custo das licenzas de software privativo.

 AGASOL é a única asociación de empresas galegas que traballan e ofrecen produtos en software libre, que nestes momento contan con 29 asociados. O seu labor é servir de interlocutor entre estas empresas e os potenciais clientes, amais de establecer canles de comunicación e colaboración coas distintas administracións. Precisamente un dos proxectos máis importantes de AGASOL foi o proxecto Abalar, desenvolto en colaboración coa Consellería de Educación, e que procura a integración plena das TIC no ámbito educativo empregando soporte de software libre.

 

O proxecto Abalar desenvolvido por Agasol, no número 100 da revista Código Cero

  • A edición impresa de Código Cero chega aos seus 100 números no momento no que tamén cumpre dez anos. Neste número publícase unha reportaxe sobre o proxecto Abalar, desenvolvido pola Consellería de Educación e no que tamén colabora Agasol.

Cando se chega ao número cen da edición impresa da publicación Código Cero, Tegnix, unha das empresas socias de Agasol, e encargada -xunto con Igalia- da posta en funcionamento do proxecto, fálanos da aposta que supón Abalar,  en canto ao uso de software libre no ámbito educativo.

Neste número, Tegnix explica o funcionamento do proxecto Abalar, que está sendo implantado en máis de 30.000 computadores de centros educativos galegos, aínda que a previsión é que se triplique nos vindeiros dous anos, sempre empregando software libre.

A través da seguinte ligazón podes consultar esta reportaxe dos socios de Agasol e o número completo de Código Cero.

 

A xustiza da UE contra o copyright na linguaxe de programación.

  • O dictame di que os dereitos de autor non protexen as funcionalidades dun programa informático.
O software de código aberto está a piques de acadar unha importante vitoria legal. A xustiza comunitaria vén de advertir que non se poden protexer coa lexislación de dereitos de autor as funcións dun programa informático. O dictame, asinado por Yves Bot, avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, non é vinculante. Non obstante, o seu criterio é seguido nun 80% das ocasións polas sentenzas. Neste caso, a resolución final agárdase para o ano que vén.

O pleito enfrenta dende 2009 á compañía estadounidense SAS coa británica WPL a conta da protección dun programa deseñado pola primeira. O programa permite «aos usuarios levar a cabo tarefas de procesamento e análises de datos, en particular de datos estatísticos», lembra o dictame. WPL desenvolveu un similar en 2009, o que provocou unha denuncia por vulneración dos dereitos de autor a pesares de que a empresa británica non tiña acceso ao código fonte do seu rival.

O criterio do avogado xeral da UE séguese no 80% dos casos. Segundo o avogado xeral, «se se aceptase que unha función dun programa informático pode ser protexida como tal, equivalería a facer posible o monopolio de ideas en detrimento do progreso tecnolóxico e o desenvolvemento industrial», asegura o seu ditame.

O ditame recoñece a protección do copyright para omedio e a contribución intelectual ou «destreza inventiva» que permita ofrecer funcións como unha análise específica de datos, pero non a protección da análise en si, que é o fin da invención.

Ademais, Bot asegura no seu ditame que «a linguaxe de programación non pode, como tal, acollerse á protección do dereito de autor», xa que é equivalente «á linguaxe empregada polo autor dunha novela, por exemplo», algo que non se pode patentar nin protexer. O ditame vai máis aló e asegura que nada impide o desenvolvemento dun novo programa a través dun manual de outro protexido pola lexislación de dereitos de autor. (Fonte: Publico.es)

Dez anos de Igalia, creando software libre para todo o mundo

  • A compañía galega, membro fundador de AGASOL, chega aos seus dez anos de vida cunha traxectoria en crecente proxección do software libre galego en todo o mundo.

O proxecto que comezou no ano 2001 da man dun grupo de estudantes de enxeñería informática da Universidade da Coruña, interesados no software libre e nas súas posibles aplicacións, converteuse hoxe na empresa punteira desta sección das TIC galegas en todo o mundo, cunha impronta galega.

Igalia cumpre dez anos, nos que levou da man o crecemento da súa empresa co desenvolvemento tecnolóxico a través de solucións de software libre; un modelo empresarial netamente galego co que están rachando fronteiras e traballando en proxectos de código aberto de recoñecido prestixio internacional, como GNOME, Linux ou MeeGo. Así mesmo, son destacables os seus traballos con primeiras compañías mundiais, principalmente dedicadas ao eido da telefonía móbil.

Cunha facturación anual que supera os 2 millóns de euros, Igalia é hoxe unha das compañías de referencia das TIC galegas, cunha proxección internacional imparable. O 70% da súa facturación provén de servizos e proxectos internacionais, nos que destaca a súa pegada galega e a marca de calidade de Igalia. Como máximo expoñente da filosofía do código aberto, a colaboración e o intercambio de coñecemento, Igalia é tamén un referente en canto a acción social. Un exemplo do afianzamento destes valores máis aló das iniciativas puramente empresarias é o seu papel como actor social, polo que colabora activamente con ONGs e establece pautas de conciliación familiar e outras facilidades aos seus empregados de cara á mellora da súa calidade de vida.

Agasol felicita a Igalia polos seus dez primeiros anos de vida e polo futuro do software galego, que a través de pequenas ideas, coma a que naceu en Igalia en 2001, xermolan nun futuro escrito en código aberto.

Zaragoza convértese estes días na referencia mundial para o software libre coa celebración da «Libre Software World Conference 2011″

  • Un dos máis importantes eventos de promoción do software libre a nivel profesional e empresarial, a LSWC celébrase o mércores 9 e o xoves 10 en Zaragoza.
  • Roberto Brenlla, de Tegnix - membro de AGASOL-, presentará o mércores o Centro de Referencia de Formación en Software Libre (CRF SwL) o mércores ás 12h.

Máis de oitenta talleres e conferenciantes nacionais e internacionais concentrarán en dous días en Zaragoza as principais noticias do momento do software libre. Será no marco da LSWC 2011, que se enfocará principalmente a dar a coñecer as últimas novidades empresariais, migracións, ferramentas de xestión e programación en código aberto.

Todas as actividades da LSWC celebraranse no edificio do antigo Seminario Metropolitano de Zaragoza, de xeito ininterrompido durante os dous días, a partires das 09h da mañá. As entidades encargadas da organización do evento son o propio Concello de Zaragoza, así como ASOLIF (da que é membro AGASOL), e o Cluster Pro-entidades do Software libre de Aragón (CESLA).

No marco da LSWC, que ten unha inscrición libre e gratuíta, celebrarase tamén o Joomla Day Spain ZGZ 2011, o encontro anual da comunidade Joomla!, que chega con esta á cuarta edición en España e no que se falará das novidades deste xestor de contidos en código aberto.

Segundo a propia organización, hai xa máis de 600 incritos para participar no que se agarda sexa o maior encontro empresarial sobre o software libre celebrado en España.

Algunhas das empresas adheridas a AGASOL estarán tamén na LSWC 2011. É o caso de Roberto Brenlla, de Tegnix, que o o meŕcores 9, dende as 12h do mediodía, realizará a presentación oficial do Centro de Referencia de Formación en Software Libre (CRF SwL).

As empresas de software galego en situación crítica e á expectativa pola falta de resolución das axudas “empresa dixital”

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) anunciara o pasado 19 de abril a creación dunha liña de axudas destinadas a fomentar proxectos de carácter tecnolóxico abordados desde a cooperación empresarial, cunha contía total de 2.9 millóns de euros.

Esta liña permitiría que todas as empresas galegas, independentemente do seu ámbito de actividade, puideran introducir aplicacións tecnolóxicas que melloran a súa calidade e produtividade. Unha posibilidade que melloraría a actual situación xa, que todos os indicadores poñen a Galicia na cola en canto a uso de TIC.

A orde publicouse e os proxectos foron presentados dentro do prazo establecido -19 de maio de 2011-, un grande esforzo por parte do sector do software galego para convencer, propoñer e atraer ao tecido produtivo galego para que se acollera a este plan que lle axudaría a desenvolver aplicacións específicas e á medida das súas necesidades e competencias en materia TIC.

A día de hoxe, non temos información ningunha sobre a resolución desta liñas de axuda, o que pode traer graves consecuencias non só para o sector TIC senón para todas as empresas dos distintos sectores que culpan ás propias empresas promotoras. Unha situación de desconfianza que prexudica gravemente ao sector TIC galego que traballa para que o desenvolvemento da sociedade da información e da comunicación en Galicia se poña ao nivel europeo.

Para as patronais do software galego, Agasol, Agestic e Eganet, urxe unha rápida resolución para que o traballo desenvolvido até o de agora non se vexa defenestrado e que a situación de desconfianza no sector TIC non se establezca como premisa para outros sectores empresariais.

Á preocupación xeralizada das empresas súmaselle a inmediatez dos prazos establecidos segundo o artigo 19 das bases da convocatoria: as entidades beneficiarias deberán presentar toda a documentación requirida antes do 15 de novembro, no caso de proxectos dun ano, e antes do 30 de xuño de 2012 para proxectos bianuais.

De non haber unha decisión rápida por parte dos órganos responsables da adxudicación, as empresas veránse na texitura de anular o proxecto presentado ou de apresurarse no seu desenvolvemento, o que non garantiría a calidade inicialmente prevista.

As asociacións empresariais que aglutinan ás empresas do software galego, Agasol, Agestic e Eganet, insisten en que a implantación e o uso das TIC é fundamental para o crecemento económico. Unha realidade que require do compromiso e proactividade das Administracións para que acompasen os ritmos ás necesidades do tecido produtivo.

2012 - AGASOL | Feito en Wordpress