A EMPRESA GALEGA TEGNIX FORMA EN SOFTWARE LIBRE AOS TÉCNICOS DO CONCELLO DE ZARAGOZA
- Trátase do curso de LPI certificación nivel 1 de administradores profesionais de Linux.
- Coa certificación LPI acredítase a capacitación dos profesionais das TIC no uso do sistema operativo Linux e as ferramentas asociadas a este sistema.
Os técnicos do departamento de Asistencia ao usuario final do Concello de Zaragoza recibirán formación en software libre da man empresa galega Tegnix, socia de AGASOL.
O software libre galego, máis aló da súa propia aplicación en sectores públicos e privados no noso territorio, está sendo tamén unha ferramenta de coñecemento noutras zonas, a través de empresas galegas que realizan os seus produtos en código aberto.
Estes días, no Concello de Zaragoza, estase impartindo un curso intensivo de LPI Certificación nivel 1 (administradores Linux) dirixido aos técnicos municipais, e que ten por obxectivo final mellorar o servizo interno de soporte aos usuarios do concello, ao tempo que os cualificará para obter a certificación LPIC-1.
LPI son as siglas de “Linux Professional Institute”, unha organización sen ánimo de lucro que se dedica á certificación de profesionais de Linux.
O curso está sendo impartido na modalidade de teleformación, empregando formación a distancia con titorías cun dos profesores da empresa Tegnix. A materia desenvólvese durante dous meses, xa que conta cun total de 80 horas online a través da plataforma Moodle de Tegnix. Para o desenvolvemento das sesións usaranse trinta vídeos, duascentas transparencias e cen exercizos prácticos que permitirán ao docente emitir informes semanais sobre o seguimento contínuo do alumnado.
A empresa Tegnix, é unha das entidades autorizadas pola LPI Foundation para impartir esta formación en sistemas de código aberto.







