Software libre en Galicia: cifras dun sector diversificado e con presenza internacional

O software libre en Galicia representa máis do 10% das empresas do Estado e é un dos máis dinámicos, cunha ampla presenza internacional.

Pouco a pouco a sociedade e o tecido produtivo van coñecendo máis en detalle o sector do software libre e as súas posibilidades. En España, a industria do software move máis de 35.000 millóns de euros, segundo BSA | The Software Alliance. Desta cantidade, as tecnoloxías libres representan máis de 1.000 millóns segundo diversas estimacións. Por tanto, é un ámbito económico en auxe, sobre todo pola liberdade que dá a cada país para innovar e non depender de terceiros. E o software libre en Galicia ten moito que dicir nestas cifras.

Máis de 200 empresas están representadas, no ámbito estatal, pola Federación Nacional de Empresas de Software Libre (Asolif). Dela tamén forma parte Agasol, entidade que vela polos intereses das compañías galegas.

Precisamente Galicia é unhas das autonomías máis dinámicas no impulso das tecnoloxías abertas. De feito, foi a sede do último LibreCon, o maior evento realizado en España para o sector. Agasol representa a 23 empresas, máis do 10% do total español, superior ao peso da economía galega no Estado.

Estas empresas teñen un negocio moi diversificado, que abrangue máis de 40 actividades distintas. Van desde a creación de diversos tipos de software de xestión ata a optimización de palabras chave en buscadores, pasando pola análise de bases de datos ou os sistemas de virtualización, entre outros moitos.

Actividade en máis de 20 países

Incluso algunhas compañías galegas teñen traballado para grandes corporacións estranxeiras en complexos proxectos de millóns de euros. Na actualidade, é cada vez máis frecuente a súa proxección internacional, xa que teñen actividade en máis de 20 países. Entre eles, destacan Estados Unidos, Reino Unido, Sudáfrica, Xapón e Corea. Os seus proxectos tamén chegan a gran parte de Latinoamérica e o centro e norte de Europa.

A internacionalización permite que estas compañías, a maioría pemes, teñan máis solvencia e menos exposición a mercados concretos. Isto tamén garante a súa capacidade para investir en novos proxectos e seguir medrando.

Medio milleiro de traballadores de elevada cualificación fan posible o software libre en Galicia. É un sector que medra a bo ritmo cada ano e que xa factura máis de 20 millóns de euros. Pero hai aspectos que non se poden cuantificar con cartos, pero que son igualmente relevantes. É o caso do grande labor innovador que desenvolven estas empresas desde a nosa comunidade autónoma. Unha tecnoloxía que exportan a outros países, levando a marca Galicia por todo o mundo. E, ademais, atraen talento, o que supón unha vantaxe competitiva respecto doutros mercados e competidores.